Comunidades >> Becerreá >> Notas de prensa
08 Noviembre 11
O vicesecretario xeral do PSOE e cabeza de lista ao Congreso por Lugo, José Blanco, asegurou este mediodía que se Mariano Rajoy gaña as eleccións xerais, o panorama do AVE “será complicado” e o do emprego na provincia de Lugo e en Galicia “será moito peor có actual”.
Nunha entrevista en Onda Cero Lugo, Blanco manifestou que no debate electoral celebrado onte entre Alfredo Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy o candidato popular non se comprometeu co mantemento do investimento en infraestruturas, polo que concluiu que se gaña “o vai recortar”. “Se se recorta o investimento público en infraestruturas, tal e como dixo Rajoy, o panorama do AVE é moi complicado”.
Precisamente, consideoru palabras “ocas, baleiras e sen contido” as pronunciadas onte por Núñez Feijóo sobre o compromiso de Rajoy co AVE a Galicia. “O AVE está blindado se o goberno que gañe as eleccións mantén o mesmo investimento que se fixo durante a miña etapa como ministro. Se cada ano nos presupostos xerais do Estado hai 650 millóns de euros para o AVE galego, que é o investido nos anos 2009, 2010 e 2011, non fai falla nada máis. Por tanto, iso é unha farsa, unha demagoxia baleira de contido. O que ten que dicir o señor Feijóo é se se compromete o PP e o señor Rajoy a investir o mesmo que se investiu durante este tempo. Non pedimos unha milagre, simplemente que faga o mesmo, porque facéndoo o AVE chegará en prazo e se non se fai, o AVE retrasarase”.
En canto ao emprego, Blanco sinalou que o panorama en Lugo e Galicia “será moito peor có actual” se gaña Rajoy porque no debate de onte non se comprometeu a manter na súa integridade o dereito ao desemprego.
Nesta materia, o candidato socialista por Lugo sinalou que fronte ás propostas de Rajoy, o Partido Socialista sí se compromete a manter a cobertura por desemprego “na súa integridade porque neste momento á angustia de non ter emprego non se pode sumar a angustia de poder perder o dereito a cobrar o desemprego.”
Blanco tamén incidiu en que na provincia de Lugo hai que seguir investindo en materia de infraestruturas, porque xeran actividade económica e emprego e lembrou que o investimento do Ministerio de Fomento garante en Galicia 33.000 postos de traballo anuais, o triple que cando gobernaban Aznar e Rajoy.
Así, comprometeu que se gañan os socialistas o ano que vén concluirase a Autovía do Cantábrico, abriranse xa treitos da autovía entre Lugo e Santiago, contratarase o tramo pendente entre Melide e Arzúa, licitarase a autovía San Cibrao-Barreiros e contratarase a A-76,” cando o seu proxecto construtivo supere os últimos trámites despois das dificultades que puxo a Xunta”.
Asemade, manifestou o compromiso socialista co apoio aos autónomos. “En Lugo hai 38.000 autónomos que por vez primeira teñen dereitos despois de que se aprobara o Estatuto do Traballador Autónomo que, entre outras cousas, garante o dereito a cobrar o desemprego”.
A este respecto, avanzou que os socialistas impulsarán unha redución de cargas burocráticas e facilitarán o crédito para para apoiar aos actuais autónomos e aos emprendedores. “Hai que xerar condicións e para crear emprego entre os mozos tamén propomos que hai que abaratar o coste dos contratos e non abaratar o coste do despido, como propón o PP”.
En materia de dereitos sociais, comprometeu que cos socialistas as pensións máis baixas seguirán subindo, como o demostra que as mínimas, as que perciben case 50.000 lucenses, subiran nestes sete anos un 50%.
Preguntado polas acusacións publicadas contra el, Blanco sinalou que segue sen ter “constancia oficial de nada do que se está dicindo” na prensa. “E polo que parece, nada poderei saber ata despois das eleccións. É dicir, seguirei sen acceso ao coñecemento das dilixencias e continuarei nunha situación de indefensión como pouco ata o 20 de novembro.”
“Polo tanto, como creo na democracia, de aquí ás eleccións teño que cumprir coa miña obriga e seguirei concentrado todas as horas do día para que o Partido Socialista gañe nas urnas e nada me vai distraer. E como creo na xustiza, despois do 20-N, en canto poida defenderme volcarei todo o meu empeño para que o peso da lei caia sobre quen verteu esas infamias”.

