Comunidades >> Provincial de A Coruña >> Noticias
15 Noviembre 11
O cabeza de lista dos socialistas coruñeses ao Congreso e ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, defendeu hoxe “as posibilidades” de desenvolvemento coas que conta Galicia, a pesar da crise, e acusou á Xunta de Galicia de estar “ausente” e non saber aproveitar estas grandes potencialidades.
“Temos capacidade e autoestima, só nos falta un goberno que crea en Galicia”, sentenciou Caamaño en alusión á Xunta de Feijóo, mentres defendía “o investimento histórico” que, en materia de infraestruturas, realizou o executivo central nos últimos oito anos na comunidade, “con máis de 15.000 millóns de euros destinados a financiar obras estratéxicas para o desenvolvemento de Galicia”, como o AVE, o porto exterior, ou a ampliación do aeroporto de Alvedro.
“O que hai que facer agora é traballar e ver como aproveitamos estas infraestruturas para sacarlle o máximo rendemento ás nosas posibilidades, en vez de culpar de todo o que pasa ao Goberno de Zapatero”, afirmou Caamaño, que instou tamén a a “aproveitar os recursos humanos” e o “coñecemento” das tres universidades galegas para “xerar posibibilidades de emprego e desenvolvemento económico” para a comunidade.
Para o candidato socialista “o goberno de Feijóo non defendeu a Galicia” e limitouse a firmar pactos como o do Obradoiro “no que un pón todo e o outro só palabras”.
“Somos 2,7 millóns de galegos e hai tecido económico dabondo para crear unha rede de apoio” que contribúa “a asentar o noso tecido produtivo”, considerou o cabeza de cartel socialista na Coruña, que se comprometeu a traballar dende o Congreso “por unha Galicia forte en España”, que participe dos “proxectos estratéxicos” de España e Europa.
Caamaño fixo estas afirmacións durante o almorzo informativo celebrado organizado esta maña pola Asociación da Prensa da Coruña, durante o que insistiu tamén na importancia da nosa “autoestima como galegos, de dicir ao mundo o que ti eres”, e considerou que, a pesar de que a industria cultural supón o 2,5 % do PIB galego, a Xunta de Galicia “asfixia a nosa cultura” porque “cre que non lle é rendible para o seu electorado”.
Enquisas
O candidato socialista citou algunhas das políticas de recortes que, no ámbito social, sanitario e educativo, está aplicar Núñez Feijóo en Galicia, como “a supresión da gratuidade dos libros de texto”, ou “o repago” na sanidade, que son “un adianto do que fará Rajoy se chega ao Goberno”, e considerou que os socialistas están recortando distancias en intención de voto porque “cada día, cada hora que pasa, máis xente se dá conta de que Rajoy está ocultando o seu programa”, polo que “O PP pode levar un susto o día das eleccións” augurou.
Caamaño recoñeceu que “tivemos que tomar medidas difíciles e impopulares”, pero considerou que esas accións contribuiron “a evitar que España estea hoxe “na situación de Grecia, Irlanda ou Portugal” e criticou que “na xestión da crise non tivemos nin un só apoio do PP”,
“Cando España estaba ao borde do abismo, o PP negouse a dar o seu apoio ao Goberno”, lembrou Caamaño, que considerou que os populares “puxeron os seus intereses electorais por enriba dos intereses de España, a pesar de que agora veñan falando de gobernos sen siglas”.
Entre as principais medidas propostas polos socialistas, Caamaño destacou garantir o financiamento do sistema santiario público “ao que o PP non dedica nin unha liña no seu programa electoral”, a través de impostos sobre o tabaco e o alcohol, “porque non debemos permitir que a nosa sanidade pública, unha das máis potentes do mundo, se desmantele para que algúns fagan negocio”.
Caamaño defendeu tamén a aplicación dun imposto sobre as grandes fortunas “similar ao que xa existe en Francia, Reino Unido ou Holanda”, e sobre as transaccións bancarias, para fomentar a contratación dos xóvenes, e avogou pola sustitución das deputacións por consellos de alcaldes, como recolle o programa electoral socialista, e por unha maior eficiencia na xestión.
Os socialistas coruñeses celebrarán o vindeiro 2 de xuño o seu Congreso Provincial Ordinario, no que o actual secretario xeral, Salvador Fernández Moreda, non será candidato á reelección, segundo anunciou durante a súa intervención ante o comité provincial do partido celebrado esta mañá na cidade da Coruña.Subliñou que cumpre así o compromiso, adquirido o mesmo día de ser elixido para o cargo, hai algo máis de dous anos, de permanecer á fronte da agrupación provincial da Coruña só un mandato
A secretaria de Sanidade da excecutiva provincial do PSdeG-PSOE na Coruña, Natividad González Laso, denunciou hoxe “que a decisión do goberno do Sr. Rajoy de minorar en 7.000 millóns de euros os fondos de sanidade destinados ás comunidades autónomas, impedirán atender as xa limitadas previsións feitas pola Consellería de Sanidade para este ano”, toda vez que é unha decisión tomada “despois de terse aprobado os orzamentos da nosa comunidade para o ano 2012, nun momento no que xa está comprometido o 90% do orzamento”.
O secretario de Educación da executiva provincial do PSdeG-PSOE da Coruña, Antonio Álvarez Cisneros, denunciou hoxe que os recortes en materia educativa do goberno de Rajoy “poden ocasionar a perda duns 700 postos de traballo de persoal docente na provincia, a práctica totalidade dos interinos”, dos que uns 250 concentraríanse na comarca coruñesa.

